Sectores de Fogo acontece alén do horizonte de sucesos dun burato negro supermasivo situado no mesmo centro do universo interior da súa protagonista. Ela móvese ceibe polos máis profundos planos da existencia, disparando as súas armas, os seus diaños. Torna de dimensión coma quen cambia de roupa e conduce o seu futingo dun universo ao veciño cando lle vén en gana. Xoga co espacio e co tempo coma unha crianza coa plastilina nunha sorte de road-movie espacial, nun impactante thriller espiritual.
Os disparos que atravesan o libro son buratos de gusano para que o lector poida, asemade, entrar e viaxar polo multiverso da personaxe principal, somatizando as súas experiencias de sector en sector do firmamento.
Os distintos motivos das ilustracións representan acaso a única conexión entre ese cosmos interior e o que chamamos mundo terreal, que non é outra cousa que unha realidade virtual sofisticada na que predominan as febles leis da física. O mundo interior da protagonista, en troques, réxese por unha exuberante metafísica e na súa Terra as cousas dispóñense en grupos de cinco, seguindo o mesmo patrón que a Constelación do Cazador. Ás veces saraiba metano, e o granito é moi radioactivo, mais polo resto é cuspidiño ao outro.
Alejandro Caporale.
Presentación libraría NUMAX//Santiago de Compostela 29/05/2015.
Foto cabeceira: ©Pablo Rivas Fotografía.