Unha miña tía, que andaba no negocio do leite, ensinoume que cando vexas a Constelación de Orión podes trazar unha liña imaxinaria que una a estrela Betelgeuse (o seu ombro dereito) coa estrela Rigel (o seu pé esquerdo). Onde se cruza esa liña imaxinaria co horizonte, está o Sur.
Eu sempre imaxinaba o Cazador pregándose sobre si mesmo en diagonal como un avión de papel para indicar a dirección meridional da noite. Como, ademais, Orión é das que primeiro é visíbel polo Leste, proporciona, explicaba miña tía, un cadrante do que se poden inferir os outros tres. Estupendo para a navegación nocturna trigonométrica polas corredoiras. Que non lle facía falta, porque ela ía cos ollos pechos pola escuridade.
Miña tía, por razóns de traballo, andaba moito de noite. Recollía o leite de madrugada para achegalo á estrada, onde o cargaba no coche de liña. Logo, as leiteiras da cidade vendíano polas casas.
Como non tiña reloxo, moitas veces levantábase coa ansia de ir traballar moito antes de seren horas. Ás veces chegaba ao punto de recollida e aínda non estaba o leite, outras sentía as campás do reloxo dalgunha das igrexas da contorna. Oír os cuartos non lle valía de moito pero se cadraba que daban as horas, sabía que ía con varias horas de adianto. Entón arrimábase contra calquera sitio e intentaba botar un sono. As noites de luar durmía máis tranquila porque puña un trapo no chan do balcón e, cando a sombra dos balaústres chegaba onda el, sabía que era hora de marchar.
Máis adiante aforrou para mercar un reloxo marca Longines e os seus rumbos viraron máis exactos. Os seus percorridos dos puntos de recollida ao de embarque fixéronse precisos grazas ao seu dominio do firmamento. Os seus ollos subdividíronse primeiro en catro seccións de 90°, despois en oito de 45, logo en dezaseis de 22.5. Cando atinxiu os 360°, eu miraba por eses ollos somnolentos e agudísimos en canto lle disparaba ao obxectivo.
O obxectivo era unha chapa de Coca-Cola situada a dez metros de distancia. Ao retirar a vista da mira telescópica da balineira, vin que acertara non só porque a calibrara ben, senón porque apuntara ao contorno, non ao centro. Mellor dito, á idea refresco de cola.
Porque chiscara o ollo guiado pola bondade infinita da leiteira que coñecía a clave das estrelas.