Voltar á estrada non é unha metáfora

Acendeuse o sol e os anxos do inferno sacan as burras da corte e bótanas ao asfalto.

CUENCA 051

Minux, como se fose eu, mirou para a Suzuki e chamoulle Avespa asiática. Con habelencia periférica tipo mara da Ponte ou apache do Couto prendeu a máquina e saíu zoando cara  a Ponte da Loña procurando o frescor da ribeira. O vento íalle remexendo as guedellas e a barba ata que tensou o peiteado dando gas.

Como querer, só quería dar unha volta pequena, pero, cando se decatou, xa logo ía nos Peares enguruñado e ingrávido tanxente á liña contínua perpetua que discorría río Miño arriba. Subíu como nada as fermosas curvas previas ás chairas de Monforte, os meandros do Lor e galgou lixeiro o Sil montado no seu cabaliño do demo.

Como non houbo ninguén quen lle dese o alto, encontróuse de súpeto en Ponferrada e iso que viñera todo o tempo á contra das correntes de auga.

Cepilloulle un algo as crinas coa beira da camisola á montura e abandonouna á vista nun punto cego de cámaras na Comisaría de Policía.

Logo colleu para as vías do ferrocarril e, en canto agardaba un comboio, sorría para si pensando que aínda tiña 80 días para remontar a foz do Miño ao lombo dun salmón ou dunha lamprea, ou se non era época, nun globo aerostático que o trouxese outra volta ao mítico e putísimo eterno retorno.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s