Estou no límite

 

Limite

Estou no límite. No límite provincial entre Lugo e A Coruña. Levo cinco días sen durmir conducindo ininterrumpidamente por estradas secundarias e sinuosas. Preciso comer. Pero o restaurante da gasolineira do límite está pechado. Non me dei conta de que hoxe non é día de picabois e de que a xente que anda na estrada e vén traballando, aos domingos, xanta na casa como os propios mesoneiros.

Nestes días (cinco) tiven tempo de reflexionar vastamente sobre as enfermidades chamadas mentais e a infelicidade contumaz que padecemos pola súa causa ou polas súas consecuencias, ou polas dúas a un tempo con promiscuidade de viceversas. Sexa como for, aquí estou eu apremiado pola fame e conducindo este futingo. Que vos constitúe a miña única fortuna, xunto cunha tenda de campaña e o resto de útiles. Facenda toda que cabe (e sobra) na maleta deste carro de combate contra o infortunio que eu goberno. Vén resultando curioso que aquelas e aqueles que, tendo cualidades suficientes para facer calquera cousa, non sexamos quen de evitar que nos alimenten e nos amen seres acaroados a nós. Non é sen tempo que recademos os tarecos, destruamos os documentos de identidade e nos poñamos arreitados ante a Galaxia.

Hai hoxe vinte días que batín contra todas as portas da casa proferindo ameazas múltiples. Petei con saña na tampa do sinfonier do noso cuarto. Doeume a min máis que á madeira. Sobre todo cando facía que os obxectos innúmeros que estaban derriba del calados e quedos, tomasen pulo terremótico co meu proceder. Por último, esnaquicei contra a parede un merliño de Sargadelos que emblema e totem é da miña xinea. Aínda que lle quería ben. Despois marchei furioso deambular sen fin ata que me presentei voluntariamente días despois nas Urxencias dun Hospital. Neste establecemento sanitario foi onde me receitaron custodia de gardas de seguridade privados. Alén de, sen cometer delito, nin falta, nin palabra máis alta que outra, ingreso involuntario cunha simple comunicación ao xuíz. U-los os meus dereitos civís e constitucionais?

Aínda que esa é unha historia que non se vai referir agora, xa vos adianto que se relatará como a cama metálica de hospital á que preventivamente permanecín atado durante toda a noite de mans, pernas e cintura, se levantaba en aire comigo enriba, describindo, ao facer eu forza, trompicóns polo cuarto adiante.

Límite Lola

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s