Eu non é outro, é o meu encéfalo aberto a todas as súas persoas. Tratarei de desenvolver esta única hipótese
Ego vive, está nun límite, os restaurantes están pechados. Ego constrúese na fame, no insonnio, na indixencia, na violencia, contra o infortunio
Ego que aquí narra, que aquí confesa/opera unha destrución da identidade e dos seus tótems e emblemas
Advírtennos: haberá un deambular que non conduce a ningures, haberá hospitais, haberá metamorfoses, haberá determinadas máscaras, todas serán copias, todas serán a orixinal e todo isto, Ego, un sistema nervioso central, será linguaxe
1.- Ego, a estirpe
Ego perténcelle á Merla e perténcelle ao amor, o amor é un arco tendido sobre o ceo logo da chuvia, o amor é unha promesa
A estirpe é lírica, chóvelle por dentro
2.- Ego, a lei e a transgresión da lei
A inocencia
A fábula: a simulación da morte no Depósito de Detención Preventiva, o invento dunha comunidade (os meus). Os meus rescatan o cadáver, entérrano. Os meus son un labirinto, o labirinto é unha parroquia. Os meus son heroes, un guerrilleiro, o Raúl. Os meus son un enfrontamento inmemorial contra a lei que os vence. A comunidade resucita o cadáver de Ego que narra, que confesa ser quen é neste libro. Os meus instrúenos ( a nós/os seus asasinos, os seus heroes, as súas forzas de combate) para que nos defendas e mires por nós
As sinapses teñen a estrutura dun mito, dun dicir, dígovos quen son, quen somos (nós)
3.- O movemento posibilita a formación do sistema nervioso nos animais. Ego móvese, a súa definición é a fame pero o combustible chámase saudade
4.- O sexo, a magnolia
5.- O encéfalo e os automóbiles: unha enumeración que non vou escribir. Eu, naturalmente, quedo co Dodge, especial para viaxeiros defuntos
6.- Nacer: traer a luz ao animal como heroe ou heroína difusa, como se for gando ceibe, edenizar a serra co meu dente
7.- A identidade nacional, un ideoloxema secular, case milenario. Otero. E agora, vós, pedídesme que lle poña lume ao Imperio. Hai un oco, unha fisura entre a identidade nacional e os meus. Quen lle pide a quen que lle poña lume ao Imperio?
8.- Aurora, o poder dun nome. Homero. A excarceración do propio corpo, de que corpo falamos? O corpo como débeda, o corpo como manicomio
9.- A imposíbel desaparición do sistema nervioso central, a desaparición das probas de identidade. Ego non pode identificarse nas súas probas (as probas da usura) enumeramos a débeda: historia clínica, ficha policial, DNI, pasaporte, carné de conducir, conta bancaria, identificación fiscal. A mente/ a estirpe non é un documento
10.- O comezo dunha nova identidade, o axente dobre ao servizo da Seguranza Pública (Ego pertence ao corpo) a este de Seguranza, un corpo disciplinario
11.- A memoria retorna ao Edén: Eu era alguén con herba
12.- O relato do mundo Merla, a historia da parroquia, a expulsión, un éxodo: migramos. Quen aquí escribe somos este relato e este corpo: a Merla
13.- Ego ou a ilusión de vivir nunha sala de espera, no abandono dos abandonados. Ego ou a terapia dunha existencia sen documentos
14.- A medición do tempo: a leiteira que coñecía a clave das estrelas (Manoel Antonio)
15.- As células, o seu potencial de acción, a toponimia como chave do territorio, O Cabo do Home, un binomio indisolúbel. Explicación do solpor: Occidencia, un autor: Xoán Carlos Rodríguez
16.- Quen aquí escribe, quen aquí confesa a falta de adherencia á realidade, a xente dos Cárpatos. Ego policía
17.- O encéfalo, en realidade un campaneiro que escribe música cos barrotes ocos da cela. Os defuntos da tribo, a sede, unha ausencia de palabras
18.- Ego ou o combate contra a economía global (todas as estratexias son válidas)
19.- Ego: foi como conectarse a un cable de alta tensión. Deixouse masturbar tres veces seguidas e logo pediume que a penetrase
20.- Ego ou a posición na liñaxe. Nós (os netos) somos a involución a un pasado perdido. Á casa, á corte, ao lume da lareira que nunca vimos
21.- O encéfalo, o matón da estirpe
Tentas falar. Só logras pronunciar insectos. Intermedio
Sistema nervioso central: a revolta ten que ser realizada por mercenarios. Non hai onde agacharse. Aí fóra están as cámaras, os satélites. Teremos que converternos sucesivamente en vacas, cabalos, xabaríns. Ou sermos un avatar que se embosca na realidade virtual extramuros do manicomio
22.- A partir de xa o meu corpo trans é muller. Tiresias. Escenas bíblicas. A morte como imposibilidade. As cousas a partires de aquí sucédense paralelas aos 21 golpes de voz xa formulados. Quen fala o mito, un dicir, formula a identidade. Faino dúas veces, dobra dúas veces a voz. Unha estrutura bifronte, Xano, gardián dos limiares
Eu non é outro, é o meu encéfalo aberto a todas as súas persoas. As persoas son tres: o animal, o /a combatente e o/a amante. A estirpe unha: os expulsados das súas terras. A narración éo do seu éxodo, da súa exclusión nas cidades
Entre a identidade nacional e os meus (a Merla) xa o dixen, reitéroo de novo hai un oco, unha fisura. A nación non é sen este corpo (os meus). Os meus non sempre son a nación
O Partido Popular sabe moi ben como capturar este encéfalo, por iso, malia ser este un tempo de cambio, aínda segue a ser o máis votado. As diferentes elites nacionalistas, todas elas ilustradas, adoptan dúas posicións diante deste ADN: o terror absoluto dos que baixo ningún concepto queren lembrar a exclusión da que se ceibaron ou ben ao se dirixiren a el tratan de adestralo nos hábitos do que elas entenden por civilización. Esta, entre outras, é a razón do seu fracaso, estas elites de seguiren así non lograrán gobernos
Sectores de fogo é un dos SNC da nación, está é a súa escritura. Unha escritura grave, porque grave é toda escritura que formula unha crítica da súa terra e do seu tempo. E isto non porque Xoán Carlos Rodríguez deba ou queira expresar estes ou aqueles convencementos sociais ou políticos, máis ben porque pode e é, elixe, ser fiel a si mesmo; está feito de tal madeira que só pode amosar o mundo que ama e padece.
Chus Pato.
Presentación libraría NUMAX//Santiago de Compostela 29/05/2015.
Fotos: ©Pablo Rivas Fotografía.