Pablo Rivas ambulantphotographer: velaquí un fotógrafo da milla. Co burro cargado cos trebellos do oficio camiño da feira, dunha voda ou de onde o chamen. Na feira ponse ao pé do vendedor de gafas, onde a xente vai probando nelas ata que encontra unhas polas que ve ben. Co engado de ben ver, a xente repara despois nas fotos que colga preto do pano de fondo pendurado para facer fotos de “estudio”. No seu catálogo hai fotos doutras feiras, de mortos que parecen vivos, de mozas e mozos casadeiros, de recén casados, de gaiteiros, de paisaxes e de meniñas e meniños.
Tamén procura establecerse cabo do afiador e do cego. Para que o chifro chame polos gumes e os cantares teñan vistas. Semella que con este marketing tan estudado o noso capturador de luces tería o sustento asegurado.
Teno asegurado porque a xente encárgalle fotos para poñer no Facebook. Non hai voda, nin bautizo, nin comuñón ao que non vaia convidado. Mal lles parece a todos os demais restaurantes aos que non lles entra pola porta que só se poida deixar agasallar por un en cada comida. Alá onde vai ningún hotel o admite e o que lle dan son as chaves de casas que ten que rotar por estrita quenda se non quer agraviar a quen lle ofrece casa cuberta.
E todo para que non se lle vaia dar por alongarse de nós e voltar traéndonos imaxes que nos deixen tesos, incapaces de dicir pataca.