En todos os protocolos de evacuación defínese un punto de encontro: un lugar seguro onde reunirse cos outros. Un punto de extracción para os equipos de rescate.
Neste caso, pola contra, estableceuse a Mámoa da Faladora como punto de inserción nun espazo no que as pedras nos falan. A acción Rupestre Sonoro (contra o desencantamento do mundo), asubiounos polos bits e atendemos á súa chamada de lonxe como cans que van perdidos. Acudimos no deslizador co control de cruceiro axustado polo GPS ao límite de multa do radar. Chegamos a tempo, pero non sabiamos uns dos outros e pasáronnos por diante sen que nos decataramos. A serra comezou a confundirnos cos seus encantamentos. A Mámoa da Faladora non viña inequívoca nos mapas, aparecían unhas Mámoas da Faladora, mais ese non era o punto de encontro requirido. Sabiamos que a actividade remataba na Pena Faladora ao pé do vértice xeodésico do Alto da Faladora. Posicionámonos alí. Todo eran falas ao ouvido e confusión nos nomes: á mámoa tamén lle chamaban Forno dos Mouros, pero a moitos lles chamaban igual. Ver, non se vía a ninguén polo lombo da serra. Ou aínda non chegaran.
Optamos polo erro intencionado para atopalos. Comezar polo final. Tomar un rumbo inverso cara eles co GPS ao punto do mapa no que debería estar a mámoa. Ata que os encontrásemos a eles ou eles a nós. Gravar o noso percorrido para ter a seguridade de poder regresar ao noso inicio se fracasabamos.
Afixémonos a mirar tanto as pantallas e o GPS que xa non vemos o mundo. Como dicía Álvaro Cunqueiro por boca de Simbad: agora os pilotos do Califa de Bagdag xa non saben navegar sen mapa nin agulla por soños e memorias. É ben certo. Engadía que iso era como andar con bastón polas rúas de Basora. Coma nós ás cegas pola Faladora. Porén, sabiamos que estabamos sobre un camiño no lombo da serra na liña divisoria entre os Concellos de Ortigueira e Mañón. O Camiño Vello, ou dos Arrieiros, segue un itinerario megalítico que vai desde o cabo de Estaca de Vares pola serra da Faladora e continúa pola Dorsal Atlántica: A serra da Loba, a da Cova da Serpe, a do Faro, a do Suído, a do Faro de Avión e os Montes da Paradanta ata o río Miño.
O topónimo Parada da Anta ponnos sobre o rastro do aliñamento megalítico cunha liña Ley de enerxía magnética, en dirección norte-sur, que os nosos antergos remotos percibían e nós xa non.
De nada nos valía ter fe en Marifé (que é como lle chamamos ao nosos trebellos tecnolóxicos) se non eramos quen de buscar indicios. Usar como pasamán de navegación as cristas de lousa produto das colisións tectónicas que orientaron a serra practicamente en dirección norte-sur, ou mellor aínda, deixar abanear os nosos corpos como unha agulla magnetizada polas forzas telúricas da Terra.
Á beira do camiño, un impresionante menhir tumbado de pizarra e seixo no chan que aparecía no cartaz anunciador do roteiro. Iamos ben. No entanto, ben sabiamos que non encontrariamos aos nosos se non eramos capaces de abrir a nosa percepción soñando con eles. Perdéndonos á mantenta e deixándonos fluír. O vento zoa na parte oriental das cristas e fai sonidos (suídos), como na serra do Suído. Aquí é A Faladora quen nos fala ao ouvido. Despois de andar un bo anaco á procura, enxergamos unhas cabeciñas ao lonxe. Non era unha, senón moitos mouras e mouros alindando pitas con roladas de pitiños de ouro.
Foi así como penetramos no inframundo subterráneo dos construtores de túmulos. Vórtices enerxéticos sobre cúpulas baixo a bóveda celeste. E a música fixo suídos, falas ancestrais. Invertimos o percorrido que fixeramos á procura, mais agora distinguimos as mámoas que antes non viramos e nos pareceran simples montículos. Sucédense tramos intervisíbeis entre campo e campo de mámoas, con pelouros e menhires dispostos como balizas dos vieiros do alén. Pedras que non só nos falan. Darredor delas concítanse as choivas, as colleitas, a fertilidade. Aprendemos a descalzarnos para sentir a electricidade polarizada da Terra, que flúe por nós arriba e polas pedras chantadas cara o Cosmos.
Aprendemos a escoitar o eco das nosas voces todas en roda. Cada quen, un fol tumbal cuadrafónico.


