Renault 8 Viúvasdevivos

Reconstruímos este Renault 8 para deixalo na rúa aberto e coas chaves postas. Pintámolo de azul Renault con bandas brancas, como a preparación Gordini, para que lles leve os ollos á rapazada e deixen de roubar coches.

Renault 8 Viuvasdevivos

Chamábanlle o coche das viúvas ao Renault 8. En apoios fortes en curva a suspensión traseira facía que a roda interior se levantase e se metese para o interior, cravando o fuciño do coche sobre a roda exterior dianteira en diagonal. O coche abaneaba de atrás e, se se soltaba o acelerador ou se  freaba, o peso do motor traseiro elevaba máis aínda a zaga debido á inercia, as rodas pechábanse máis cara dentro estreitando a vía traseira, o centro de gravidade ascendía e normalmente a viúva herdaba o coche e sacaba o carné de conducir.

Quedan á vista dentro revistas dos anos 60 e 70 que explican como hai que entrar nas curvas na marcha adecuada e acelerando no vértice para que o peso se vaia para atrás, as vías se ensanchen e o coche traccione, coloque a traseira e redondee o xiro. Ou como aproveitar os escasos 800 quilos de peso e a propulsión traseira nas saídas dos semáforos ou nos cuartos de milla. E espremer os seus 40 cabalos de potencia e os 130 km/h de velocidade máxima.

Este R 8 comunal pode aparecer estacionado en calquera sitio coa documentación en regra para quen queira aprender a conducir escoitando o seu tequelexar de máquina de coser ben afinada.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s