As Augas Esquencidas provócanme vómitos de cabaliños do demo.
Envelénaseme o sangue cada vez que me pedides que vos suceda, que perpetúe a inxustiza do voso ideoloxema secular, case milenario.
Que me entrenastes para fracturar a transmisión do voso sistema. Necesitades interromper cíclica e momentaneamente o voso fluxo. Dar unha idea de esperanza.
Primeiro dádesme a beber o leite quente recén munguido na canada. Despois auga de xenxébrega amarga para os parasitos intestinais. Outro día abrides as billas das cubas e tirades coa colleita pola bodega abaixo só para que eu goce. Ao final atópome na palleira empuñando un revólver republicano apañado no campo de batalla durante un avance do voso Glorioso Exército. E aínda tedes máis agachados nos castiñeiros. De cando en vez disparádelos a queimarroupa e admirádesvos de como as balas da República atravesan limpamente as caracochas.
Toleei por vós malia tanta chantaxe emocional. E agora vides a pedirme que lle poña lume ao Imperio.