7 Notas sobre a arte da escritura en Sectores de fogo
(un intento de traza para dicir algo, pouca cousa, ao redor do porqué da escritura en Sectores)
1.
Di que o libro é divisible, infinitamente divisible polo con de certa comunidade sen comunidade que aluma os ocos brancos que veñen para lle dar arrimo ás letras.
Di constitúese de defuntas, de xentes loucas e sobre todo de amantes nunha mestura ou caldo cósmico.
E todo coma se gozases no ler dun filme do novo cinema da extinta república socialista iugoslava.
2.
Pórlle banda sonora a esta road movie.
Esa sensación de estar no límite que traspasa as sonoridades da intelixencia para pór noutro lugar a pulsión de morte canda o enterramento de toda ortodoxia.
Pórlle un ripio que diga a fenda que relaciona a Mozart con Beethoven, ao Jim Morrison coas Ataque Escampe.
(https://youtu.be/-HujjNQPv2U) Irmos…
3.
O PERSOAL por POLÍTICO vese sempre en apuros como alma impura ou como artefacto estraño.
Será sempre esta escritura un corpo resucitado, porco, fedorento, acategórico, persoal, político.
Eis a escritura acéfala e de pés descalzos na que descansa das inclemencias do temporal anímico o corpus Sectores.
Lázaro, Francisco, Butler:
Dirán sobre o amor que este é incomodo e de difícil comprensión aínda que máis forte e á fin máis incorporado ao corpo cá morte.
Isto último é o que non entende o poder e si a potencia e é emporiso que estamos aquí en potencia (ou dito no xenio do Xoán Rodríguez en toma de terra) á espera literalmente de que o CONTENTOR coa dinamita logo de dinamitar as gramáticas do réxime sexa intelixido.
Elxs dirano do amor, nós da escritura esta de Sectores.
Resto entón o libro dunha explosión canda o resto do cosmos.
Poderiamos dicir dos libros así escritos.
Pero como?
Preguntara a comunidade Trespatas.
Como o que resta por dicir pon en marcha a escritura?
Todo o que non sabemos abonda para non comezar a escribir. Pero comézase sempre a escribir polo que acreditando en certa de sobra demos en chamar incontinencia da mosca.
CORPO COMÚN FRONTE A USURA
OUTRO
MOSCA E PULGA E FORMIGA polas nervaduras do eu
E VAI COA MERDA ESA DA PROPIEDADE PRIVADA PÓRLLE A MÚSICA AO PENTÁGONO
- INTERLUDIO
Alguén debería escribirlle ao escritor que demos en entender tivo a ben inscribirse na escritura e dicirlle: Que si que o de pórlle música ao mundo e de xeito estraño ou entrañábel facer dos transportes que interveñen nesta escritura, das relacións entre cerebro, mans, intelixencia e a obra en curso un cosmos queer e que pensar aquilo que fomos lendo en Sectores ao xeito dunha alma eléctrica que o airea todo ao tempo que lle vai dando arrimo ao confrontalo co real aberrante. É para nós (lectoras) unha felicidade.
Entón: non é un escritor o que escribe e si un nerval, un que padece dos nervios e que é desta porta blindada da que saímos acotío reconfortados polo canto do Rodríguez de onde vén a toma de terra.
Isto como veredes se ledes este libro está nas costuras que non se dan apenas lido.
Aló onde se mostra o como. O que non está estando.
Pois son quen as letras que se contradanzan en Sectores de atravesar as fontes, a orella dunha tosquiada, a cadea de montaxe dun campo de traballo calquera… e máis o cerebro blindado dun certo eu que sae de si a hostia limpa no sobre si que o outro sobre el danza.
5.
Que algo ou que máis se lle pode pedir a unha horda de letras, dispostas para re situar o cotián, no xusto quiasmo a onde el mesmo nos transporta sobre todas as cousas cantas son no mundo.
Sectores é un libro fronte a hexemonía da propiedade privada.
Acaso a toma de terra estea en relación cos planetas dun sistema narrado dende un decentro, descentrada entón a toma cando a repetición dos bombardeos sobre Hiroshima e Nagasaki. Sobre o cerebro, sobre o corpo ao petarlle duro o mundo. O real a secas sen a función aínda da orella afincada no ollo.
Estou nun límite, a merla solicítame unha pasaxe, unha ambulancia, unha arte coa que poder transportarse máis aló da propiedade dos contrasinais, máis aló se cabe da propiedade de toda idea ligada a esa repetición que só representa o mesmo ao non acontecer no con dos corpos postos en guerra.
E pois que ao desadurmiñarse da linguaxe danse en Sectores ao entraren en relación as bocarribeiras cheias de luz en cadansúa letra outros asuntos que deslindan ao eu ao pór en foco os farrapos e o fedor do tempo.
Tipo ou tropo doutro ascenso ou baixada ao inferno da Zyprexa.
Mais será este Orfeo de multiples visións auditivas quen narre a barbarie do hoxe logo de derrubar a escada térmica deste noso mundo carcerario.
É entón que a partir de re coñecerse no corazón transexpropiado das sen parte que esta escritura opera.
6.
Pedra, papel, tesoira:
“Dixen que non, que era todo unha performance. Un simulacro”.
Real, copia, simulacro. A que andamos, a escritura revelásenos coma un simulacro (un fillo bastardo dirá Derrida) que recolle a copia (arquivo) e máis o que de real hai na copia (o golpe no corpo, o tacto, a alma do mundo en menstruación ). Se na vida se dan as velocidades e as lentitudes igual ca na escritura. Na escritura igual ca na vida dáse ás veces unha certa estila que baixa dende os corpos celestes até o corazón dos “demoños” que nos habitan. Non hai entón eu asolagado pola escritura fascista no caso deste Orfeo queer. Ao el termar da estila cara a superficie.
Desterritorializacións do real, da copia e do propio simulacro.
Será isto o que vén sendo a escritura? E será entón Sectores un libro que atende a ese intento de certas escrituras de pór en apuros a propia relación que a estila pon en marcha?
Emporiso Sectores é un libro tecido de restos. Ao el non procurar a totalidade do mundo nun absoluto e si trazar estradas de contacto entre os restos dun territorio abrasado polo un solar agricultor.
Sectores dinos tamén a nós como restos dunha explosión atómica canda as formigas, os xílgaros, as ras, os meteoritos… Incluso cando a idea de Estado, de Patria e de Deus.
Restos logo nun libro para un eterno retorno do porvir.
Isto é o que fai de Sectores un libro inusual.
7.
Escrito fronte e contra a usura.
Claudio Pato.
Na Coruña 12/xuño/2016.