Sensación

Aquela sensación de irrealidade. De estado alterado de consciencia.

Ensináchesme o recurso pedagóxico do remuíño de ideas. Escribías as frases  aloucadas que diciamos e os teus ollos íanse para min.

Estabamos no teu coche charlando e fumando. Falabamos de cortar lazos coa propiedade privada e tamén da mancomunidade dos nosos corpos. Abrimos o maleteiro e tapámonos cunha manta de farrapos que traías sempre contigo. No vértice norte do faro, o remuíño de luz que nos absorbía facíanos relampar ennobelados. Catro veces cada 10 segundos. Durante o silencio dos outros 10, non se sabía que estivésemos alí. Penetraramos xuntos nun poderoso vórtice dunha liña norte-sur. Debaixo da manta metemos a man nos nosos sexos, mentres nos abrazabamos coa outra e os nosos beizos intercambiaban un importante fluxo magnético. Debeu cambiar a polaridade das mans ou dos xenitais. O caso é que a liña lei que nos traspasaba fixo que sentísemos irto o contrario, o propio e viceversa. Fumabamos e o vento levaba as nosas faíscas alustrando como saídas dunha roda de afiar. Uliamos o recendo agre da combustión de bentrastes secos.

Ao abrigo do vento dentro do coche, queriamos ir para onde, con quen e cando nos dese a gana.

Cambiar de parella baixando e subindo dun coche a outro no medio e medio da autoestrada.

Xuntarse e afastarse á vontade. Querer a outras e outros a través de conexións en progresión xeométrica.

Son inútil. Por iso me tedes que alimentar e vestir. Teño que ter teléfono en factura allea para que non lle chegue ao titular un gasto desorbitado pola miña causa. Non podo ter tarxetas de débito, nin de crédito, nin cartos en metálico para que me deades de grado só o que necesito e me é imprescindíbel. Non podo ter casa para que me acollades permanente na vosa. Cando me resultades insoportábeis, pido pousada no manicomio a cambio de poñelo patas arriba e logo axudar a darlles algunha esperanza aos ingresados. Ás veces estou furioso e, para relaxarme, cometo calquera delito para que me pechen no cárcere. Alí choído, só existe un pánico que só finda cando saes morto ou rehabilitado.

Son un pobre de pedir. Se non for por estas medidas de seguridade, nunca podería chegar a dicirche que só existimos nós os dous. Resultado das multiplicacións e as divisións que nos anulan. Son divisíbel por ti. Ou non.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s