Debemos comprobar os niveis do noso vehículo periódicamente, polo menos unha vez ao mes e sempre antes dunha viaxe longa. Os primeiros días do mes, por exemplo, para lembrarnos.
Miraremos no manual de usuario do coche os datos que precisemos para comprobar os niveis de aceite, líquido refrixerante, líquido de freos, líquido da servo-dirección, etc. Sempre deberán estar entre as marcas máximo e mínimo; se non é así, teremos que reenchelas nun taller.
Normalmente, están ben entre os intervalos de revisión do taller. Pero deberemos comprobalo.
O que si varía é a presión dos pneumáticos, porque a van perdendo aínda que non estean pinchados. Por iso é de vital importancia revisalos polo menos unha vez ao mes.
No manual especifícase a presión adecuada con carga e sen carga, segundo levemos pasaxeiros, equipaxe ou non. Costuma haber tamén unha placa na porta do condutor ou na tapa do maleteiro con estes datos.
O fabricante indica a presión recomendada para o noso vehículo, pero nos talleres sempre poñen máis. Por que? Para ter unha marxe suficiente entre revisión e revisión contando que nós non a imos mirar. E tamén para aumentar a rixidez do pneumático.
Cada mes a presión que poñamos vaise reducir polo menos 0.1 bares. Isto significa que se a presión que poñemos é 2.0 bares, ao cabo do mes, seguramente xa levaremos 1.9 bares. Se puxemos a presión recomendada polo fabricante do nosos coche, estaríamos por debaixo dela. Con risco de que rebente o pneumático, ou que teña maior desgaste e deterioro. Tamén teremos peor estabilidade e maior consumo de combustíbel.
Que presión poñer? Sempre podemos poñer a recomendada polo fabricante do coche. Pero se queremos conducir rápido durante periodos longos de tempo, podemos aumentar a presión 0.3 ou 0.4 bares. Ás veces os fabricantes xa a indican. Con isto conseguimos máis rixidez no flanco do pneu e un pouco máis de estabilidade ao haber menos deriva do conxunto elástico resorte-amortecedor-suspensión-pneumático. Tamén se abrirán máis o surcos do debuxo e evacuará un pouco máis de auga, o coche rodará máis facilmente, as manobras co volante en parado serán máis cómodas e a dirección máis precisa.
Como contrapartida, notaremos menos confort de marcha, sentiremos máis os baches e o coche rebotará máis con firmes en mal estado. O conxunto de pezas da suspensión traballarán máis e desgastaranse antes.
Teremos que decidir manter a recomendación do fabricante ou probar diferentes configuracións de presión segundo o tipo de condución e o tipo de firme.
A presión recomendada pode non ser igual no eixo dianteiro que no traseiro, por tanto, as variacións que fagamos deben manter relación con ela. Se ademais queremos conseguir que o eixo traseiro dea mellor as curvas, unha vez decidida a presión baixaremos 0.1 ou 0.2 bares no eixo traseiro. Deste xeito, conseguiremos a parte traseira redondee mellor as curvas ao acelerar no vértice de saída.
É importante que poñamos a presión que decidamos nun taller ou nunha máquina que saibamos que funciona ben para asegurarnos de que os valores son reais. Tamén podemos comprar un manómetro portátil para comprobar os valores reais da máquina dunha gasolineira que utilicemos.
Debemos comprobar visualmente se hai cortes, bultos ou desgastes anómalos na banda de rodadura. Procuraremos cambiar os pneumáticos despois de cinco anos da súa fabricación, porque se endurecen e perden agarre. A data de fabricación vén impresa na goma do pneu con 4 cifras: as dúas primeiras indican a semana e as dúas últimas o ano de fabricación.
No manual do vehículo diranos se temos que revisar os niveis co motor frío ou quente. De todos xeitos, se miramos o nivel de aceite en frío e está por encima do mínimo, saberemos con máis certeza que hai aceite suficiente.
A presións dos pneumáticos sempre a revisaremos en frío ou circulando menos de 3 kilómetros.
Estas comprobacións, que podemos facer nós mesmos, son tan importantes como as de mantemento en taller. E o noso coche estará en perfecto estado para levarnos a onde ser felices.