Á noite levei a Iris a unha discoteca industrial

Á noite levei a Iris a unha discoteca industrial para explicarlle quen era eu. Eran tres mil persoas no apoxeo da noite. Iris suaba e danzaba posuída polo demo. Cinguina pola cintura. Corría a auga por nós abaixo. Era unha excitación primitiva e salvaxe. Os nosos beizos e as nosas linguas semellaban sorber auga de mar o un do outro. Metíamonos as mans na boca como se fosen talladas de bacallau cru sen desalar.

A miña lingua chegou ao seu oído e os meus dentes á súa orella. E conteille. O volume enxordecedor da música e a proximidade extrema ao seu conduto auditivo protexerían das escoitas os meus segredos.

Que non hai ben nin mal. Que só hai mal. Ningunha revolución é posíbel. Ciclicamente aléntase e tolérase a rebelión só para afianzar máis o poder das grandes Corporacións. Ata atinguir unha submisión tal que carezamos de impulsos de disidencia.

A MERLA (Sociedade limitada de Socorros Mútuos Agrícolas e Gandeiros), a estirpe maldita á que pertenzo, elixíume a min para ser o matón. Primeiro encomendáronme, polas boas, a mata dos porcos. “Se queres ver o teu corpo, abre o dun porco”, dicíanme. Efectivamente, interpretando as entrañas adiviñei o meu propio futuro. Chamábanme para as matanzas de aquí e de alí, ao correrse pola bisbarra que mataba ben. Agora, téñenme para traer a xente ao rego ou sacala do medio. Unhas veces traballo para eles, outras subcontratado pola competencia. Trátase de manter un certo equilibrio na Economía de Libre Mercado Global. Son só negocios. Do grao de violencia e da magnitude do medo depende o reparto de dividendos. Teño orde de voar esta discoteca coa xente dentro. Peguei na parede do fondo, buscando o maior dano posíbel, unha bóla de poucos miligramos de explosivo plástico.

O explosivo que puxen foi unha formiga de plastilina que me fixo unha nena que aínda non está fichada pola policía.

Unha chamada remota e automática xerada por ordenador avisará a policía. Desaloxarannos canda as dúas mil novecentas noventa e oito almas que nos rodean. Ningunha cámara poderá discriminar os nosos rostros entre a multitude.

Ao saírmos, teremos o sal seco sobre a pel e ningún relato de dominio poderá suplir o que senten os nosos corpos.

FOTOS MAR 20-12-2015 (3)

Fotos: ©Antonio Fernández

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s