Para Chus Pato, Erín Moure, Oriana Méndez e Xabier Cordal.
Primeiro que seica morrera, despois que lle viña sen brazos e sen pernas, logo que só sen pernas. Finalmente que o home lle viña cego con metralla nos ollos. A Merla ofreceuse a Santa Catarina: prometeulle que levaría o seu hábito toda a vida se llo traía vivo da guerra. Volveu. E non rompeu a súa promesa. Pasados os anos, as fillas insistíanlle para que deixase o hábito, que agora a santa non llo ía levar. Pero ela só transixiu levando a saia co cinto e a fita máis o escapulario colgando ata o xeonllo. Ata o final dos seus días levou de incógnito o escapulario preso no interior da cintura.
Agora a roda de tormento de Santa Catarina víase realmente ciclópea sobre o frontispicio do Seminario de Mondoñedo desde a fiestra da cociña.
No chan, unha Quimera era o emblema dunha bolsa plástica. O resplandor do abrente abrasaba as pálpebras encol do lombo do monte do León ou Padornelo.
Chegaras a Mondoñedo a bordo doutro león emprestado que tiña un ollo derramado de pupila informe, pero que ás veces formaba un cuadrante branco e azul como o emblema dun BMW. Á entrada, na estrada vella, hai unha espiral que che centrifuga o sentido. Ficas por sempre afogado baixo a capa freática coa cunca do val de cu para riba. E a campá chamada Paula da Asunción voltéate cos seus dous mil cincocentos quilos coa túa cabeza por badal.
Aceptaras ser monago só para poder tanguer a campá. A fascinación pola vibración percutiva das campás de Bastavales ou de Anllóns. O oráculo sibilante que bate no bronce es ti nacendo á escrita. A túa voz parte os vidros das xanelas a vinte quilómetros á redonda.
O teu corpo espido atado con arame de espiño á roda catalina espétase contra outra roda tanxente armada de coitelas.
A metralla detrás dos teus ollos de curuxa permíteche voar como cátaro veo de neve en ceo glauco.







