Escribiu O’ Encantiño:
Cando se xunten os nosos beizos non será para separárense. Serán pegadas húmidas nun camiño de solpores.
E foi que non lle agradou ao Encantiño o que estaba escribindo. A súa escrita ía á deriva polo mar abaixo das redes e non aportaba nada. Tanto como que pensou en deixar de escribir como moitas outras veces.
Só Ofelia e Virxinia conseguían afastalo da depresión literaria porque tiña que mantelas vivas creándolles vida:
E os solpores eran húmidos como cada alborada orballada a carón de vós. Beixándovos para asegurar a vosa existencia. Amándovos como unha resistencia derradeira.
Aínda que fose amando como quen masca goma de mascar.