Para ser un gran ebanista o único imprescindíbel é asubiar ben. Acompañar de melodía as voltas para que os mobles saian ben é o segredo da profesión. Por iso cando te presentaches ao exame de ingreso floreácheslle ao patrón o “Sitio de Zaragoza” e así entraches de aprendiz. Teu pai, que te acompañara na xestión de pedirlle ao xefe entrar no taller, marchou impresionado. El, que tivera que abandonalo cando xa sabía facer mesiñas de noite para volver á escravitude da terra.
E alí botaches aprendendo o oficio ata chegar a oficial desde mozote a home casadeiro. Ao volver do servizo militar rifábante os patróns para que lles asubiases nos seus obradoiros. Foran moitos anos para comprender que o primeiro moble que ías construír era coa vasoira de varrer o taller e que cando lla pasabas a outro xa podías empezar a facer algo.
Nunca souben se houbera carballos en Carballoveral. Carballoveral era un dos talleres máis antigos da bisbarra. Era unha casa grande dun piso arriba con muros e portalón. Era tan antigo que alí se reunía a célula do Raúl de Pousada e mesmo traballou el alí. Foi taller moitos anos ata que ficou abandonado por traslado e despois viviu un famoso pintor ourensán na casa.
Carballoveral sempre foron as mans e o emprendemento da industria da ebanistería local.
Contábasme ti que en cada casa había cadanseu taller e que a produción marchaba en camións e nos trens. Mesmo que houbo unha iniciativa de constituír unha cooperativa.
Moitos mobles marchaban para A Coruña, onde uns pioneiros de aquí comezaron a poñer moblarías. Primeiro na Rúa do Orzán, despois na Agra do Orzán cando naceu o barrio e viñan os habitantes en aluvión.
Logo o sector entrou en crise. Todo o mundo marchou á emigración. Entón as moblarías en vez de surtirse dos nosos mobles buscaron outros proveedores.
E agora hai un grande hiato temporal. Eu teño as túas ferramentas e non labro a madeira con elas. Están na maleta de madeira que ti lles fixeches. Cada cousa colocada no seu sitio ordenadamente. Eu non vou ser ebanista. Pero vou asubiar como se o fose.