Abriu a noite sobre os grosos toros de carballo que levan o seu nome. Carballos vellos que apuntalan o escurecer. Teñen algunha galla escasa e botan unha pouca folla para demostrar que están vivos aínda. Conservan espetados os illantes de porcelana de cando serviron de postes da luz.
Iris percibe a electricidade estática ollando como a Ursa Maior se arrandea pola bóveda celeste.
Aparella a molida na testa dos bois. Xungue o xugo coa chavella por entre o cabezallo e o estrobo.
Chama os bois coa aguillada e con grande esforzo ungulado desprende o seu carro dos cuartos traseiros da constelación.
Foise superpoñendo á Ursa ou Carro Menor para facelos rousar sincronizados arredor da estrela Polar.
Iris pecha por fin os ollos e esvara mol no seu carro nocturno. Gravitando coa cabeza pousada no eixe de freixo do Norte.