O negocio que imperaba no local era o coidado de anciáns adiñeirados por parte de persoal pouco especializado. Viñan alí tomar o café cun trato exquisito acompañados normalmente de migrantes sen papeis. Isto era unha mina de historias para O’ Encantiño, que confraternizaba moito con eles. Tamén se amigaba moito cos acompañantes. Algúns pedíanlle que lle escribise cartas á familia de alá. Debía de tratarse dun erro de sistema, pero el facíao con sumo pracer. Alá enderezaba misivas para o Mar da Prata, Ecuador e Perú, sobre todo, con letra ben ordenada e rebirichada.
A anomalía foi a máis porque comezaron a aparecer co mesmo propósito labregos analfabetos dos nosos de principios do século vinte. Ao Encantiño non lle custaba nada mandarlles unhas letras en troques da satisfacción dos remitentes e tamén aproveitaba para sementar o ideario agrarista alén mar.
Nisto andaba cando se lle sentaron polas dúas beiras Ofelia e Virxinia. Viñan moi sorrintes e nerviosas. Manda a todos estes a un cibercafé e vamos para o hotel!
E foron.
Apareáronse cantas veces quixeron os tres e as dúas e permaneceron extenuados ata agora, que nada sabemos de todos tres.