Non lle daba o xenio ficar esmorecente moito tempo. O’ Encantiño seguiu coas súas consultas. Continuou nutríndose das historias que contaba a xente no bar. Proseguiu coa caracterización das súas amantes Ofelia e Virxinia. Mais el quería facer algo diferente, non sabía se distópico ou utópico. Xa postos, a utopía atraíao máis. Crear un mundo agradábel, xusto. Non lle puñan medo as aplicacións vixía, temía non ser quen de escribilo.
Comezou por blindar o café e as súas xentes. Convertelo nun verdadeiro punto franco xunto co hotel. Puxo o tintinar da louza e o son apagado das voces como escudo de interferencias para protexernos. E nese barulliño comezamos a existir.