O’ Encantiño espertou en contención mecánica. Non sabía cantas noites ou días levaba inmobilizado. Despois dos controis de rigor vestiu uniforme de pixama, bata e zapatillas. Que era unha forma de despersonalización e de adquisición de conciencia de paciente.
Logo pasou a consulta coa doutora Virxinia Woolf e a súa residente Ofelia. Entón afirma vostede que escribe persoas, que se gaña a vida con bitcoins e que vive nun hotel. El asentiu e aproveitou para comentar a coincidencia do nome da doutora co da famosa e suicida escritora, cousa que non foi do agrado da facultativa. Ficará ingresado nesta Unidade Psiquiátrica de Agudos baixo tratamento e mandamento xudicial. Pode irse. E botárono a dar voltas polo corredor.
Existían apps hostís que patrullaban a rede e funcionaban procurando palabras clave. Ese foi o xeito de capturalo. Agora había que reverter a situación, como tiña feito outras veces. Sobre todo porque as narrativas de dentro do manicomio eran moi caóticas e desequilibrábano moito.
De alí a uns días, na seguinte consulta, relatoulles á psiquiatra e á súa asistente todo o que levamos lido ata agora baixo a ficción dunha comprobación de sistema e todo ficou aclarado. Ofelia e Virxinia sorriron cómplices, asinaron a alta e marcaron a primeira das múltiples revisións posteriores ás que O’ Encantiño se someteu con agrado.