Ante a ausencia do Encantiño, o café autoorganizouse. O correo estaba ben atendido porque máis clientes se prestaran voluntarios a escribir misivas. E a consultoría marchaba ben porque entre os usuarios de coidados había avogados, xuízas, xestores, psicólogas, asistentes sociais, cartománticas…
O’ Encantiño non podía escribir moito polos efectos non desexados das drogas psiquiátricas. Por iso se sentaba nunha esquina e gozaba con que cadaquén axudase no que podía. Soñábase cordo e detido pola brigadilla da Garda Civil, que eran Ofelia e Virxinia de paisano, pero con grandes bigotes, comunicándolle orde de arresto domiciliario. E durante o prolongado arresto naqueles catro metros cadrados sentía estremer o seu corpo enteiro pola constante exaculación e o descanso no abrazo tenro das súas amantes suicidas.