Abriu a porta da corte e entrou. Había máis de trinta anos que non había animais alí. No sitio do estrume e o esterco estaba o piso sen varrer. Nos teitos altos, estalactitas de arañeiras. Alí aleitábase o becerro e acubillábanse os marraus.
Franqueou a corte da vaca. Tiña as paredes tapiadas porque fora a casa dunha familia. Faltáballe tamén todo o estrato de esterco e estrume.
Entrou na bodega terrea. Alí se botaran a perder as cubas centenarias cuxa madeira atesouraba os fungos primixenios que producían a fermentación do mosto.
Non quixo saber de máis ruínas e penetrou na casa pola porta do patio. Pechou a porta.
A ver se agora era quen de hibernar sen auga, sen luz, sen calefacción, sen wi-fi e sen lembranzas.
