O poema brota automático
nun punto onde brota a auga dun nacente
alí e non noutro sitio
Inerte é a túa escrita
O teu bosque perfecto
o corazón entumecido do cervo
Deveces por un bosque que ninguén viu
pero que ti ves
e no que dalgún xeito estás dentro
admirando as raíces dunha foresta caduca
o ceo alanceado
o sotobosque de camiños automáticos
Sentes a humidade da soidade
no teu corpo previamente nu
fabricas calzado e unha lanza
cóbreste de bulleiro
ingresas automático no bosque
Estás atado a un carballo
o teu bosque o teu cárcere
Tes a boca demasiado seca para falar
escribes coas dedas no chan palimpsestos
que borras automaticamente
para que nin o gabián nin a curuxa
saiban os teus versos
A follateira automaticamente fala por ti
A voz do bosque é profunda como a súa largura
longa como un eco
A voz fala de carballeiras demoucadas
da mutilación de toda esperanza
do exterminio da túa vontade
Xaces no teu toco
sobre unha cama de musgo seco
non te ergues
para atravesar coa túa lanza
o abdome do cervo que baixa beber ao río
nin para beberes ti
Son as raíces as que te alimentan por vía parenteral
O sentido tórnase automático
alóngase nas fragas largacías
adquire outro sentido aló onde ti te sitúas
No lonxe da boscaxe
Quebras a túa voz para dicirnos
que dentro de ti hai un pozo de enorme fondura
Preso no ollo das reiteradas augas
o bosque é o teu presidio
As mesmas palabras brotan automáticas
e o poema non avanza
circunválase en rodopío
Facer un poema
como tallar un coitelo de sílex
É o que ti queres
Golpear as sílabas unhas contra as outras
Así brota o nacente.
