O’ Encantiño era verdadeiramente encantador. Entrou na tenda e, como chovía, sacudiu o saco que traía de carapucho. Debía de vir de lonxe, que traía moito bulleiro nos zocos.
Debatíase na taberna sobre a figura do relator, que inventara o goberno para solucionar unha crise política. A oposición pedía eleccións, convocaba manifestacións e acusaba o presidente de felón.
O’ Encantiño desde o recanto de costume levou a cabo unha acesa defensa do relator, ou intermediario, ou mediador no parlamento tabernario.
Tíñase por un gran orador e contador, pero o único que facía era andar polas cociñas, os fiadeiros e os seraos levando e traendo dixomedíxomes. Só que o facía con xeito e con encanto.
Defendía, o noso parlamentario, a negociación, os consensos e os axentes da palabra pactada alporizado e con vehemencia. Nesta ocasión, os tabernícolas neutralizaron a súa argumentativa ofrecéndolle unha cunca de caldo.
E así ficaron polo momento as súas reivindicacións profesionais.