Suspendidos

Suspendidos, todos pendentes dun reinicio. De que o ciberescritor remaneza de entre as súas personaxes. Neste caso, unha personaxe que se implanta na placa base dun autor como quen enxerta unha cerdeira ou un pexegueiro.

O’ Encantiño paraba nunha cafetaría ao pé do hotel. Ser era preguiceiro, e máis ben tarde, prendía o portátil e alí se ía reescribindo el e o autor. Saltaricaba desde as páxinas de La Zarpa alumeando contos e persoeiros da Bisbarra con técnica de corresponsal de guerra. E cando os lía en voz alta, eran moi celebrados pola concorrencia. Pero devecía por relatar cousas novas da súa nova vida como contador enxertado.

A primeira vez que entrou no café, o camareiro non podía entender o seu metabolismo. Eran as doce da mañá e O’ Encantiño viña con fame de troulear toda a noite. Na carta do local había almorzos pero xa rematara a hora de servilos. O camareiro ofreceulle uns croissants pequechiños, unhas pastas e un zume de laranxa. Ficou un pouco pampo cando o noso noitébrego lle pediu todo máis un café con leite dobre.

Tanta fame tiña unha explicación. Viña sen se deitar aínda de percorrer canto furancho aberto encontrou no distrito. Gustáballe aquela sensación de andar a deshora con aquel de crápula e escritor maldito. Mentres o mundo ía pola hora, os demais clientes educadísimos falaban baixiño das súas cousas, pedían todo por favor e nunca cansaban de dar as grazas. E el crapulísimo e tan educado ou máis ca eles.

Suspendidos

Almorzou, pagou, despedíuse cortesmente, sorriu e marchou para o hotel. Non sei se para durmir ou para escribir as noites e os días que levaba vividos.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s