Construímos o cabazo nos camiños do aire trenzando varas de castiñeiro pasadas polo lume para que non apodrezan e para que as cóbregas de vento collan o vezo de pasar entre as fendas. Teitamos con piorno e palla porque sabemos que as cobras devecen polo ulido a montesío e a cana seca.
Bebémoslles os ventos ás víboras para que venten a humidade do cereal desde as searas, as painceiras e os milleirais. Así conseguimos aventar o poallo e o po nas airas despois da malla e secar as pebidas de ouro das mazarocas.
O noso cabazo está acugulado de serpes de luz seca, pois a gra está a salvo na tulla da sementeira do Banco Mundial de Sementes de Svalbard.
No exterior xa non existe humanidade que poida sementar.