Son estranxeira nesta nación onde nas encrucilladas tolean os Gps, os ríos corren ao revés e as augas encoran nas inconmensurábeis planicies.
Noutrora, para ser de aquí, viñamos ás festas turísticas e así ninguén nos preguntaba de quen eramos. Só nos levaban os ollos os cachirulos dos panos das indíxenas. Ademais da compaña nos bancos e as mesas corridas do banquete comunal. Eramos como da casa no medio da multitude.
Aprendiamos a conducir cos pilotos das chairas, levando presas as luces de día para calcular os adiantamentos na ardora das gándaras sen final. Sempre mirando de esguello a agulla do termómetro, co pé a fondo e degoirando o lonxe.
Son estranxeira en todos os países, estraña entre os alleos e temerosa de encontrar coñecidos.
No abrente gardo un verso de luar insomne, unha luz que se apaga ao romper o día nos vosos ollos.