Estaba nun bar

Estaba nun bar nunha desas estradas transversais que cruzan amplas gándaras despoboadas. Mentres tomaba un cubalibre, ollaba distraidamente o televisor. A locutora falaba impávida de como aquela tarde rescataran do fondo do mar no Cabo Fisterra un furgón fúnebre que fora roubado, con cadaleito e todo, por un neto do finado.

Os corpos de avó e neto serían soterrados, “esperemos que definitivamente”, engadiu a presentadora, ao día seguinte.

Sorrín por mor do comentario. “Definitivamente” repetía eu mentalmente en canto me metía no furgón fúnebre que agardaba fóra contigo dentro.

Xoán C. Rodríguez, Occidencia, Sotelo Blanco Edicións, Santiago de Compostela, 2004.

Deixar un comentario