Para escribir este poema hai que saber cargar un carro de toxo. Faise en espiral espetando as gavelas nos seis estadullos e no medio para que fique equilibrado. Despois atalo ben alternando as ataduras do sedeño. Así quedará como un péndulo sobre o eixe do carro e apoiado no xugo. Para que as vacas só teñan que tirar da carga en equilibrio.
A corte ole a unha putrefacción doce e a vaca. E ti tamén.

O toxo arnal xostréganos nos ollos por non ter previsto a tempo o final. As bágoas mesturadas co sangue non dan expulsado as espiñas. Viaxan polo córtex ata o occipital e desde alí baixan pola túa medula espiñal. Espiña con espiña, es toxo.
Estrelas anestesiadas estradas na corte agárdante cada noite.