Explicouche na tenda o que era o capitalismo cando por Reis quixeches un Geyperman. Un boneco máis caro que o humilde Madelman. Non podía comprarche o Geyperman que tiñan todos os nenos da rúa menos ti.
Pero o teu Madelman era un trampeiro canadiano que che ensinou a sobrevivir nos grandes bosques de Norteamérica.
Co tempo foi perdendo a roupa, o fusil, o gorro de rabo de raposo… ata converterse nun manequín espido articulado de debuxo. Finalmente, robot de prácticas de Medicina cando se desmembraban o tronco e as extremidades.
De certo que o teu trampeiro tería combatido na Comuna de París. Porque chegou ás túas mans doutras mans dun Marx ou Bakunin ignorados.



