Claudio Pato Presentación de Cristal líquido: máis alá do totem e o tabú.

1.

CL son os “meus”, veciñas sen veciñanza.

o que licúa os territorios

un espírito que testemuña e que de inmediato se metamorfosea no que sexa.

o cristal líquido é un acto da potencia de pensar

un arco da vella (a comunidade sen comunidade, os meus)

un pinta labios (a escritura dos beizos)

un refuxio onde pensar cando a memoria o porqué do esquezo e a violencia que o produce.

o cristal líquido é unha apnea, tamén en texto número 13. Unha previsión en tanto ao aforro de osíxeno.

A natura do CL é análoga ás próteses que inventa desfacendo así toda dicotomía camiño aos intestinos.

o CL é un acougo, unha varxa; unha superficie de escritura, onde transportarse, incluso ás veces darse á fuga, pirarse.

un libro mínimal, pictorialista, en devalo.

unha buxaina entre memoria e esquezo.

Un túnel para o amor.

o CL é un bosque de caravanas como en Sectores de fogo un artefacto contra o medo.

unha pantalla sen pantalla: cara o sur, cara o norte. Unha viaxe cara as estrelas.

Unha entidade actual, concreta, material pois nela danse unha infinidade de concrescencias particulares do universo.

o CL é un contrasinal, no que habitan entre outros os poetas, Manuel Antonio, Uxío Novoneira, Lois Pereiro, Antón Reixa, Xavier Cordal…

unha lectura da historia, dos éxodos e os alimentos.

Unha xeografía do sentido.

Un domo que enlaza co arco da vella do texto número 1 e viceversa.

Por segundas, a comunidade, os “meus” da man, antes de baixar dos aires. De pasar de ser unha montaña a unha agrupación de persoas. O texto di literalmente un castro.

Unha aeronave.

o CL é un pharmakon. Definitivamente un pharmakon, as fontes, o mundo na súa totalidade ao clareo ao pé da Torre,unha apnea que temporaliza o espazamento da droga ao asimilala dende o amor do texto número 5.

o CL é o desexo da comunidade manuelantoniana. Un submarino alado, un yellow submarine. Polo azul ceo, a liña de superficie. A escritura.

un intestino, un lugar ao que chegar, outra volta por texto número 3, un acougo onde escoitar os diálogos do espírito e tecer un bordado cando a loucura e os fórceps da Ziprexa.

2.

unha cavidade ao tempo que unha vía de transporte, o intestino ten como función principal absorber os nutrientes e a auga isto é por texto número 10 os pharmakos. Caso singular este do intestino, cavidade – receptáculo de dobre articulación – lista para o paso ao novo universo logo da gran explosión.

unha lanterna sonora, máxica.

un cantil de palla, unha cachopa antiga, un basal de intelixencia onde aniñar cando o temporal humano.

polo desexo das serpes unha pasaxe

Definitivamente un milagre. “Así conseguimos aventar o poallo e o po nas airas despois da malla e secar as pebidas de ouro da mazarocas“.

Ao non existir xa humanidade que poida sementar o cabazo e erguer o cabaceiro o texto é unha nave espacial cara o confín da terra.

unha ética tanto como unha estética

un modo de expresión

(eu narra) a lúa

o CL confórmase como unha testemuña, unha testemuña rara, estraña que ao decretar a memoria trae ao presente o esquezo.

é un océano de cornetas, un delirio de lirios.

un SACRIFICIO sobre todo un sacrificio

ENMUDECE, hai aquí unha crise unha grande depresión que parte o libro en dúas metades, comeza a sangría o corazón de Iris será exposto sobre unha superficie vexetal sobre a que copula antes de ser asasinada. Por terse metamorfoseado en marrá Iris xa non é Iris.

un colapso, no 21 a liña que traza a afiadora enxerga un pensar que vai cara o corazón da narradora e cara os nosos/vosos corazóns.

Así dicimos que de 17 ao 21 o CL é unha depresión que desborda nun val ao facer arrítmicos ao tempo que veciños os tempos da memoria, da violencia e dos días.

o CL é Unha moto trucada.

3.

Z-

texto número 22.

—————————————————- STOP ————————————————————————————–

por texto 14 unha pasaxe, o CL é un infinito de metamorfoses

unha montaña cando a súa exfoliación

texto número 24.

————————————————— STOP ————————————————————————————–

en Sacrificio hai un contrasinal que iguala ao porco a sangrar co eu que narra o sacrificio, constitúese así a escritura como un contra á AUTORIDADE do escritor/escritora.

o CL é a comunidade a sangrar por entre as caracochas onde se acolle a luz matinal sur – sureste que conforma o banco, o patíbulo.

texto número 25.

—————————————————- STOP ————————————————————————————–

texto número 26. enmudece

texto número 27. enmudece

texto número 28. enmudece

texto número 29.

por texto número 24 os paradoxos dunha vida de traballo a carón das facas e as ánimas.

texto número 30.

o Cl é logo un relato de relatos, unha enciclopedia, unha pantalla por texto 7 unha pantalla. Un sen fin de analoxías e paradoxos.

ao non haber portas nin fiestras o CL é unha promesa por tanto unha promesa sen promesa: un incondicional dos afectos.

un canto eléctrico aos nomes do amor

por texto 5.

unha tripla eliminación do eu do autor/autora baixo máximos de violencia e reclusión

porén ese recordo aqueloutrado dos “meus” sobre o banco de matar

o CL é unha lingua de defuntos que vai cando nós en vivo diálogo.

Nós somos ese ripio de linguas mortas sobre o banco, na escola.

o CL é unha educación sentimental. Unha novela familiar de corpos plantas animais e algunhas xentes.

o porco, o cocho, o marrán algo máis que un cru ou cocido algo máis que tótem e tabú.

o cl repetimos é unha moto trucada unha pantalla ou virtual de inscrición.

Cito: “Amortallada e exposta como peza de colección fico suspendida cabeza abaixo falando nesta lingua de defuntos

A T E N C I Ó N

texto número 34.

—————————————————- iris —————————————————————————————-

por texto 7

o CL é unha cosmogonía astral, un atlas memorístico onde a comunidade das heroínas pende ou ben dun fío ou ben dun estrobo azul logo de pensar as constelacións da violencia humana.

o CL é un libro escrito -quen sabe se a catro o máis mans- a ditado polo saber entre outros moitos de Xoaquín Lourenzo, O Xocas, e o Blanco Amor da Esmorga, por texto 24 ,29 e 33 na lingua dos vivos.

na lingua dos vivos

na lingua dos vivos

na lingua dos vivos

na lingua dos vivos

texto número 35.

por texto 24 ,29 e 33

o CL é un múltiple onde se inscribe a morte e o desmembramento do/da autor/a. Ficando aquel/a colgado/da como no texto 33 cabeza abaixo e falando para as defuntas/tos. Baixo un mar de sal. Na lingua das/dos vivas/os.

Unha profecía falarás cos mortos na lingua dos vivos e cos vivos na dos mortos e viceversa até a fin do mundo.

4.

texto número 36.

—————————————————- iris —————————————————————————————-

un arco

por texto un pinta labios

texto número 37

o CL é un convite, unha chamada

texto número 38

por texto 9 o CL é un castro ou lanzadeira

texto número 39

por texto 14 o CL é un texto hibrido, como na Ética ou en Finita todo está tecido nun virtual que desborda o tempo ao facerse todo el actual. Sen comezo nin final.

O CL é un actual. Isto é que existe na realidade.

texto número 40

o CL é un pensamento eléctrico.

texto número 41

o CL é un canto á liberdade animal, unha glote política.

texto número 42

o CL é unha arte ou artefacto máxico, por iso que percorre todos o lugares e ningún lugar ao tempo,

unha atención primaria ás sinapses cerebrais dadas nas células.

Unha filosofía primeira.

Unha ontoloxía.

Un invento da intelixencia cando a imaxinación e a memoria. Non é unha volta á nada é un dos infinitos cortes que supuran dos pregamentos do ciber -sanatorio.

o CL é un corazón que lle incordia a vida ao autor/a ou autores/as deste libro.

Vémolo na fita que recobre os dous libros onde lemos: “Podemos multiplicar o noso corpo, non obstante, non nos dá tempo a desenvolver a ficción do noso relato”.

Porque Iris pode moi ben non estar en acordo coa idea: do déjà vu sobre o mundo.

Entón as ideas que percorren o libro onde a escritura reparte os implantes ao ela propia deixarse diseccionar persoalmente na apnea intestinal son pezas que encaixan sen encaixar na trucaxe do artefacto en continua produción.

Logo así a escritura é un proceso que só logra curso cando presta atención ao que resta, enmudece e comeza a tecer paradoxos. Por analoxía rítmica ao descontraer aquilo que non está mais permite a respiración; o xa vivido vivo resucita. Quere dicirse que outra vida comeza no problema.

O CL é unha pregunta, un tapiz.

UNHA APNEA INTESTINAL.

*Texto de Claudio Pato para o audio da presentación de Cristal líquido con BSO de Berio Molina. Galería Dodo Dadá, Ourense 23/5/2025.

Deixar un comentario