De quen estamos a falar cando falamos de Iris? Da neta da Merla? Da Merla mesma? Da amante do asasino? Ou da propia asasina trans?
Iris é F/finita. Presa e pendurada cabeza abaixo nun paralepípedo de illamento falando nunha lingua de defuntos.
Refráctase ao traspasar o prisma das pingas de chuvia e non nos deixa de fascinar a prestidixitación finita coa que tensa o arco para dispararnos aos ollos.
COMBINACIÓN F/FINITA
combinatoria
combinación finita
finita en combinación
finita abrindo o combi no frost
frigorífico a bailar fox-trot
un iogur punteando unha muiñeira
finita desolada
corazón escarchado
finita pecha a neveira natatoria
finita estoxada de novo na cama
finita pon fin á realidade-finita
o desvarío de finita polos cómaros verdes
combinados varios de escarcha
finita solitaria e fríxida de si mesma
nada na neve que se precipita
solidaria e impúdica, corre polas agras
combinación finita que fica no chan
cal é a combinación secreta de toda ti?
innúmeras rotacións a percorren
pudor e rubor o seu único traxe
desolación tráxica de ti espida
desolación cómica de ti rotativa
muller tétrica a peitear cabelos
muller capilar mírase no espello
precipitacións de anfibolita celeste
a nova vida de finita confitada
fin de finita
é a hora agora de parafina
paramilitar e paranormal
para e non te mexas
nin un milímetro
ponte quieta métrica e decimal
centrifúgate de ti mesma que vén o prato voante
aterra alucinado nun pregue da túa íngua
máis ben afina a manobra no teu contorno orbital
orbita contra ti arbitral
parafina pouco afín a min
foi o discurso do extraterrestre
e marchou voando voante
para fina non foi unha decepción
definitivamente de fina tampouco se podía agardar moita cousa
indefinida nas definicións
orgasma (ou non)
parafina é un derivado do petróleo
non a querían na maior parte dos líquidos de freo
definir a querencia (ou non) definitiva
definitiva cando infinita: a boas horas!
tender cara o finito
cando unha pode ser inmensa intolerábel impía
empuñar unha hvsquarna e tallar membros como carballos
finita finda de momento a faena coa motoserra
no finde xa cortará máis
todo isto debullaba finita antes do almorzo
declinando toda responsabilidade reclinada en col da almofada
botou o polgar do pé fóra displicente energúmena e contractual
antano si, hoxe non
sobre a herba había orballo brétema feluxe
razón de máis
era soñar con céspede almofadado
respiración de néboa
baile calipso con unha mesma
basta de tanta masturbación
finita pregándose infinita
adquirindo formas diversas
un dragón unha égua
un raio de sol
finita ponse nomes en cada transfomación
linda rebeca estefanía
e velaquí que cando era estereofónica
chamouse sony con alta fidelidade
cando robótica, mariclair
en canto a fidelidade prefería ser polinómica
diversificándose a partir de basta
estarricouse bretemosa que non neboenta
pregándose e dobrándose
todo en rodopío
o seu fado cartesiano de progresión no espazo
a súa finita extensión matérica
miríada
milésima
milimétrica
millonésima
mamotrética
as súas mamas como dunas
beduínicas
sen acariñar recentemente
unhas veces andaba cuadrúpeda
outras bípeda
dependendo de como quixese dar de mamar
finita posuía infinitas carencias
segundo se mirase poliédrica
ou mesmamente cúbica
o seu lugar no infinito
a crisálida que lle deu orixe
as divisións e subdivisións
que máis que humana a facían ciborg
unha tectónica de placas
sísmica e volcánica
vulcanizada ás veces
recauchutada as máis das veces
finita finita finita!
infinitesimal despois da coma
cama e edredón fóra!
finita vai pór os zapatos de tacón
vainos deixar coa boca aberta
vai acortar o seu nome
nita será a nova nomenclatura
reducindo a finita nunha sílaba
nita non é muller fatal
nita non é nita non é
nita vén sendo mineral dunita
casiterita
ectoplasma
plancto
nit
monosilábica
monosacárida
nitrato nitrosa nitroglicerina
nit radical e libre
fin
*Instalación realizada por Xoán Torres na Galería Dodo Dadá de Ourense o 23/5/2025 para a presentación do libro-obxecto Cristal líquido.


