Cristal líquido, o novo libro de Xoán C. Rodríguez dá continuidade a Sectores de fogo. A súa anterior entrega. E a esta precedérona Occidencia e antes Unicornio de cenorias que cabalgas os sábados co Colectivo Ronseltz (do que formaba parte). Xa en Occidencia se define unha mutación multi-ficcional que se amplifica en Sectores de fogo. Onde Iris, a protagonista do relato lírico, se dobra e se desdobra sobre si mesma conformando o manual de combate dunha asasina trans. Asasina que defende e mira polos seus. Unha comunidade matrilineal constituída como A Merla (Sociedade Limitada de Socorros Mutuos Agrícolas e Gandeiros).
Esa estirpe maldita da que forma parte Iris, queira ou non, elixiuna para ser o matón. Primero encomendáronlle a mata dos marraos. Chamábana de aquí e de alí, ao correrse pola bisbarra que mataba ben. Agora, téñena para traer a xente ao rego ou para practicar eutanasias. Unhas veces traballa para elas, outras, subcontratada pola competencia.
De aí o cambio de sexo e todas as metamorfoses a xeito de bolboreta. Todo para asegurar a supervivencia de nós tod@s.
A constitución dese n@s e a pertenza unívoca (ou non) de Iris a ese plural comunitario, no que os meus non son sempre os meus, converten as bolboretas en seres fráxiles, que poden multiplicar a potencia do seu corpo, pero non completar a ficción do seu relato.
En Cristal líquido, Iris é unha combinación F/finita na realidade líquida contemporánea. Unha Finita en combinación, pechada na cela de illamento do seu propio corpo. Cumprindo condena de prisión permanente revisábel. Convicta de ser unha afiadora que vai afiando as nosas navallas e vainas espetando nos nosos corazóns.
Tal e como o seu nome apareceu por casualidade pintado sobre un corazón nun carballo eléctrico. Dándolle a falsa ilusión de saberse amada.
Nun exercicio frustrado de evasión líquida.
*Presentación do libro-obxecto e instalación Cristal líquido realizadas na Galería Dodo Dadá de Ourense o 23/5/2025.

