Vítor Jara cos dedos fracturados a culatazos e corenta balazos. O cantor da lingua cortada. É o tipo de dor que sentirás escribindo isto.
Non terás lingua para reclamar a súa forza invencíbel.
Esa aperta que pospuxeches autoenganándote na continuidade da navegación de cabotaxe.

Unha experiencia inmersiva. Bosque caducifolio, por suposto. Despídente os paxaros como falando. Sentes zoar o vento, que fai xogar coa luz os carballos proxectados nas catro paredes.
Vés andando e vaste sorrindo. Con esa risa túa tan contaxiosa como a COVID-19.
Por onde pisas cos pés descalzos agroman orquídeas.