Durmías nunha cova, nunha cama de musgo. Durmías nunha corte, nunha cama de estrume. Durmías nunha palleira, nunha cama de herba. Durmías nun tobo, nunha cama de fentos. Durmías nun portal, nunha cama de cartóns.
Prostrarse nunha cama de uces violáceas.
O breixo tiña tacto leñoso e ti ditabas versos arbustivos de monte baixo civilizador. Erguíaste entre as queiroas. E florecías.
O barullo dos mercadores tapa o regateo que mantés pola túa carga de urces. Intérnaste na cidade como un animal bravo. Buscas gorida nun hotel barato e espumas pola boca.
Ata o orballo da amencida. Balbucindo co movemento das pólas como frases, que se transmiten polas gallas ata o extremo da enramada.
Respiras a través da máscara acuosa coa que a noite condensa cada folla.
