Santos

Entolezo sempre por Santos. Non consigo evitar que unha lúa vella feroz me faga alancar polas estradas incandescente como un bólido aterrador. Entro ouleando polas urxencias dos hospitais e o que penso e fago parece que non o fago nin penso eu.

Camisa de forza

Neste tempo, a Terra, na súa órbita, vaise aproximando ao perihelio. É aí cando máis cerca está do sol. A forza gravitatoria amplifícase e a velocidade orbital aumenta ata primeiros de xaneiro. Nos 71 días que van desde o equinoccio de outono ao perihelio, percíbese esa aceleración no extremo da eclíptica terrestre. A lúa vella, ao sumarse ao sol, incrementa por veces aínda máis o mal que nos fai.

Máquina de electrochoque

Aí é cando morremos moitos.

 

Deixar un comentario