Son o mouro deste penedo. Deste búnker onde non hai realidade, desde onde combato a indiferenza do mundo.
En col do penedo hai unha casa que nunca será miña. Que agarda esmoronarse. Ou que se derrubou xa enriba de min.
Ser eran varias casas xuntas que os meus foron comprando. A cociña era terrea e estaba fóra, no patio. O corpo principal foi construído no 1913 con escaleiras interiores e balcón corrido a modo de mámoa sobre outras habitacións onde vivían familias enteiras moi apretadas. Unha segunda cociña bilbaína foi instalada na parte superior nunha destas dependencias. Na chamada “habitación trasteira” vivía unha familia nun cuarto con chan de rocha viva e tiña dereito de paso á canella de detrás da casa que se atopaba nun nivel superior que salvaran as escaleiras. Na corte da vaca, que ten as xanelas tapiadas con pedra, vivía outra familia. Entre a corte e a casa estaba a bodega terrea, que era o nivel inferior do penedo da chamada “bodega das patacas”. Esta, era outra vivenda de rocha viva en costa e irregular. No corpo principal da casa asomaba no chan ou nas paredes do fondo a pedra da bodega e das cortes e cortellos. A altura da planta baixa era considerábel para aloxar toda esta penedía. A canella da parte superior ten casas na parte contraria tamén construídas sobre o mesmo penedo. Coas partillas, a casa dividiuse en dúas e quedou do outro lado a cociña con lareira e varios cuartos e a escaleira con baranda de case vinte chanzos.
Cóntovos todo isto porque suporedes os graves desaxustes que o gas radón me chegou a producir por refuxiarme aquí como mouro, sometido á radiación de todo este granito circundado por correntes de auga subterránea.