Identidade líquida

 

Un domingo de Entroido, un tipo fateado cun gorro e un polar que poñen “República Galega” mete o coche ata o hall do Hospital Marítimo de Oza. Co motor aceso e a porta aberta, saca o pucho e solicita na recepción a presenza do Director da Unidade de Psiquiatría de Agudos, co gallo de anunciarlle a proclamación da República, ou da independencia, non está moi seguro.

Mentres, comeza co garda de seguridade, alí presente, un amigábel protocolo de seguridade, pedíndolle que o espose por detrás. O Director preséntase alarmado e rógalle ao garda que lle retire as esposas ao paciente republicano. Este interésase polo modelo de fabricación e nun descoido esposa o Director por diante, para así poder darlle a man e presentarlle os seus respectos. Tamén tranquiliza o garda comunicándolle que non se trata dunha acción contra mercenarios. O que si lle di é que teña tino de defender o seu xefe, aínda que todo vaia ir ben e non vaia pasar nada.

Despois de franquear a porta blindada da Unidade, diríxense a un despacho. Onde se produce un grande rebumbio dada a gravidade da situación. O paciente tranquilízaos a todos e a todas. O paciente ten antecedentes e ingresos previos, mais mostra agora taquilalia, verborrea, e unha grande querulencia relativa á actividade política actual. Necesita saber con seguridade que ser republicano non é unha psicose. Psiquiatras e enfermeiras tratan de razoar con el a súa teima de proclamar a República. Pero el non entra en razón, nin está disposto a tomar fármacos que lle saquen a Independencia da cabeza. A situación ponse violenta dado que se privatizou a seguridade interna e o único garda de seguridade da planta e o da entrada cuestiónanse se son cazadores ou presas.

O paciente bota un berro seco desaforado e hipohuracanado que os tumba a todos no chan. Ante a imposibilidade de saber se a Independencia ou/e a República son estados psicóticos, fóra do normal, indefendibeis, etc., recita aqueles esquecidos versos de “Viva Rianxo, queda inaugurado este pantanxo”. E marcha tranquilo por onde veu consciente e feliz da súa identidade líquida. Unha nova indentidade ao saír do hospital só co posto. Sabendo que xa non hai ningún goberno que nos goberne. Só comunidade de iguais no común. Como foi sempre.

Arrinca picando caucho, sorrindo ao pensar que calquera pode declarar unha República e/ou Independencia. O seu mérito como paciente, fora superar os tempos da guerra relampo dos alemáns.

Foran días de brutal magnetismo polo perihelio, xunto cun perixeo e cun eclipse total de lúa. Exposta a nosa identidade a tal desviación, derrota ou declinación magnética, nós, que somos sangue e auga influída polas mareas vivas, como non iamos saber que si.

Que se acendeu unha luz. Alá lonxe. No mar.

♦Colaboracións de Xoán Carlos Rodríguez para a Exposición Aoutorretrato (Centro Cultural Marcos Valcárcel, Ourense, 24 de maio a 15 agosto de 2018).

 

Deixar un comentario