Sacrificio

Todos me ollaban en fite para saber se me tremaría o pulso ao ter que matar o primeiro marrau despois de saír do cárcere por matar a meu veciño e cuñado. Non sei se fora por enquistadas rifas polas quendas da rega cando na seca está partida a auga. Cando regar é a supervivencia ou a fame das colleitas de millo, horta e pataca. Ou máis ben me deixei encirrar polas mulleres maltratadas da súa casa.

Axexeino no portelo ao volver da bodega coa xerra do viño na man. Termeille da man libre e espeteille o coitelo da mata dos porcos.

Agora o marrau estaba inmobilizado enriba do banco de matar. O animal berraba co medo disposto para o sacrificio en canto eu lle tiraba polo papo coa man esquerda e lle metía o coitelo desde o fondo da gorxa, tronzándolle as arterias principais, ata picarlle un chisquiño o corazón. Tal e como certificarían os meus observadores na autopsia posterior, que lles devolveu a tranquilidade e confianza en min.

Sacrificio2

O sangue abrollou denso e gordo e foi aparado no caldeiro grande e branco de plástico de cola para madeira. Eu sacaba e metía o aceiro pola boca aberta na garganta para sangrar ben o cocho aproveitando a elevación da presión sanguínea provocada pola adrenalina para que non se derramase a carne. A muller que aparaba o sangue ao deixar de remexelo co cazo fíxolle unha cruz co rabo para que non coallase e poder facer as filloas.

Finalmente, bombeei o derradeiro fluxo saguíneo do seu tórax facendo movementos circulares co lacón dereito dobrado despois de tirar o coitelo á terra para evitar accidentes e como querendo entregarme ás autoridades.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

w

Conectando a %s